madonna e outros contos de inverno
Post on 11-Jan-2017
82 Views
Preview:
TRANSCRIPT
Madonna e outros contos de inverno
Manuel Rivas
Manuel Rivas naceu na Coruña en 1957. Foi escritor e xornalista e a súa
obra, escrita en galego, está traducida a máis de trinta linguas e publicada
polas máis prestixiosas editoriais literarias de todo o mundo.
Unha das súas obras narrativas máis premiadas foi O lapis do carpinteiro
(1998), Premio da Crítica Española, Premio da Asociación de Escritores
en Lingua Galega, Premio Arcebispo Xoán de Clemente, Premio 50
aniversario da sección belga da Amnistía Internacional.
Reuniu os seus contos no volume O máis estraño (2011) e a súa poesía
está recollida nas antoloxías O pobo da noite (1996), Do descoñecido ao
descoñecido (2003) e A desaparición da neve (2009). Para o público
infantil ten os contos O sombreiro Chichiriteiro (2009) e O raposo e a
mestra (2013).
Este libro é unha recompilación de oito contos que nalgún momento
teñen algo que ver co inverno ou co Nadal, xa sexa polo tempo, o
ambiente ou demais factores, aínda que non sexa o tema principal.
• “O namorado de María”: Fala dunha historia de amor entre Martín
(o personaxe principal) e a súa namorada, Chefa. Martín queríaa moito,
pero ela casara cun home adiñeirado. Aínda así, el sempre fai o que ela
lle pide, por iso cando lle propón facer un Belén vivinte, el e outros dous
amigos disfrázanse de Reis Magos. No camiño atoparanse co bandido
Foucellas e descubrirase outra historia de amor coa muller que fai de
Virxe María. Está ambientada na posguerra, cando actuaban estes
guerrilleiros, e na zona do Xallas.
• “Okay”: Conta a historia do afundimento do barco Begonia desde
o punto de vista dun dos mariñeiros que, en realidade, conta e desconta
para logo non quedar en nada da causa do afundimento, porque en
realidade é el o culpable. Está ambientada en 1966 quizás en Punta Boi.
• “Madonna”: Unha nena ten que facer un traballo das vacas tolas e,
como no lle sae nada para escribir, conta a historia da súa vaca Madonna.
Está ambientada na época da epidemia das vacas tolas nos 2000 en
Galicia.
• “O amor das sombras”: Un vello regresa por Nadal acompañado
do seu can Dandy a unha vila que deixara había moito tempo e intenta
volver coa súa namorada Lorena. O tempo e o espazo non están claros.
• “O carteiro de Papá Noel”: Un carteiro de Papá Noel non é tan bo
como se ve, pois anda metido nuns traballos ilegais relacionados coa
droga e, aínda que tente escapar, o seu xefe O cempés dará con el.
• “O partido de Reis”: Conta a historia dun rapaz chamado Félix que
ten síndrome de Down e que no seu equipo de fútbol o poñen de
recollepelotas. Pero Félix é feliz aínda que a el lle encante xogar ao
fútbol. Nun partido decisivo, o capitán escaquéase e Félix debe
substituílo. Sorprendentemente para todos, Félix marca o gol crucial.
• “A barra de pan”: Morre a nai dun señor e os seus amigos van ao
bar. Entón un compañeiro chamado O’Chanel conta unha historia da súa
infancia para esquecer a tristeza da morte. Un día el tivera que ir á tenda
coa cartilla de racionamento e o único que conseguiu foi unha barra de
pan. Pero el, famento, comeuna polo camiño e non deixou nada para os
seus irmáns. Está ambientado na posguerra e na zona de Montealto (A
Coruña), onde Manuel Rivas naceu.
• “A chegada de Ingrid”: Unha nena fala da historia do seu pai
Manolo e do amigo do seu pai, Ramón. Estes foran traballar a Alemaña
nunha mina. Ao tempo, Ramón ten un accidente e volve á súa vila, pero
Manolo non. Un día chegou Manolo polo Nadal e tróuxolle de agasallo
unha boneca chamada Ingrid. Está ambientada na Galicia dos anos 60.
Canto aos personaxes, todos semellan ser reais. A maior parte dos
relatos están escritos en primeira persoa, excepto “O carteiro de Papá
Noel”. En xeral, a lingua e as expresións utilizadas son un pouco difíciles
de entender e son consciente de que ás veces non capto todo o contido ou
o final, como se faltase un anaco. Pero aínda así, é un libro que non está
mal, aínda que me parecen os relatos desiguais.
Miguel Ángel Boado Fernández
top related